BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Rede

Posted by gaapdec o Maio 28, 2009

O GAAP entende o traballo de análise, investigación e intervención ou proxección pública en termos colaborativos. Mencionouse xa a vinculación dos seus membros con diferentes grupos de investigación e departamentos universitarios e cun centro público de investigación, co que isto presupón sobre conxunción de proxectos e toda clase de iniciativas. Alén desa adscrición de base hai algunhas outras plataformas e redes coas que o Grupo mantén de orixeredeiras relacións de coparticipación e intereses conxuntos. No fundamental trátase da rede internacional Poetics of Resistance e do Centro de Investigacións sobre Escrituras e Procesos Emerxentes (CIEPE, en proceso de constitución formal).

A primeira intégrana investigadores de varios países europeos e americanos. O seu comité coordinador está integrado por William Rowe (Birkbeck College, University of London), Ben Bollig (University of Leeds), Cornelia Gräbner (Lancaster University) e Arturo Casas (Universidade de Santiago de Compostela). A rede celebrou até agora dous simposios internacionais, un en Leeds e outro en Santiago de Compostela. Para 2010 está prevista a celebración dun terceiro simposio, probabelmente en Londres.

O CIEPE é (será, cando culmine o proceso administrativo que a universidade esixe para a concreción desta clase de plataformas) un centro propio da Universidade de Santiago de Compostela. Os artigos 1 e 3 dos seus Estatutos delimitan natureza e obxectivos do seguinte xeito:

— O Centro de Investigacións sobre Escrituras e Procesos Emerxentes (CIEPE) constitúese como centro propio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dedicado ao estudo científico dos fenómenos de emerxencia literaria, ou en xeral artístico-literaria, e dos procesos culturais e disciplinares emerxentes. A prioridade do CIEPE será a emerxencia literaria e cultural no mundo actual, malia o cal non se exclúen investigacións referidas a etapas históricas anteriores.

— O CIEPE márcase como obxectivos fundamentais os seguintes:

a) Promover o estudo científico das novas prácticas, repertorios, formas, usos e suxeitos literarios, artísticos e culturais.

b) Impulsar a investigación sobre manifestacións literarias, artísticas e culturais procedentes de marcos territoriais e culturais aos que tradicionalmente se adxudica unha visibilidade, unha representatividade ou unha lexitimidade insuficientes, e, neste sentido, ser centro de referencia na USC para a canalización de propostas relacionadas co estudo da emerxencia cultural e para o fomento das relacións académicas e de investigación con outros centros dedicados a obxectivos converxentes cos aquí detallados.

c) Analizar fenómenos vinculados coa hibridación cultural, así como en xeral os relativos a procesos de colonización, inmigración, diáspora, exilio e outras circunstancias históricas e políticas determinantes de dinámicas de interacción cultural en situación de desigualdade.

d) Investigar núcleos de problemas adoito desatendidos na programación das titulacións universitarias tradicionalmente vinculadas ao espazo académico das Humanidades e das Ciencias Sociais. Entre outros, os seguintes: identidade cultural, etnicidade, poscolonialidade, cultura de masas, emerxencia e canonicidade, exclusión cultural e subalternidade, oralidade, posxenericidade e posliteratura, cibercultura, a cultura dos novos medios, literacidade e criticidade, comparatismo cultural, escrituras non lineais, escrituras transversais (entre literatura, cinema, televisión, banda deseñada, performance…), ideoloxía e espazos culturais, imaxinarios sociais, estudos visuais ou novas prácticas teatrais.

e) Abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, psicolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, estéticos, mediáticos, políticos, económicos, tecnolóxicos ou xurídicos, entre outros.

f) Habilitar un espazo de reflexión teórica, heurística e metodolóxica correlativo á delimitación dos obxectivos anteriores.

g) Explorar vías de aplicación e integración curricular dos obxectos de estudo detallados e do seu mellor rendemento didáctico e divulgativo, con atención aos ámbitos universitario e do ensino secundario.

h) Informar e prestar asesoramento científico a institucións públicas ou privadas, así como a persoas físicas ou xurídicas, sobre aspectos relacionados coa emerxencia artístico-literaria e cos procesos de emerxencia cultural, tanto nunha dimensión planificadora xeral coma no relativo á organización de mostras, publicacións, exposicións, festivais e outros eventos artísticos e culturais.

i) Desenvolver e programar actividades docentes de posgrao e de formación continua no marco académico da USC.

k) Promover a organización de debates, seminarios, simposios, congresos e reunións científicas relacionadas coa natureza e funcións do centro.

l) Impulsar publicacións científicas en diverso formato vinculadas cos ámbitos de especialización do Centro.

m) Crear un fondo documental específico de carácter bibliográfico, hemerográfico e audiovisual que acolla os materiais de traballo e a produción investigadora propia. O Centro facultará o acceso telemático a ese fondo a través da súa páxina web.

No CIEPE, coordinado até o momento por Arturo Casas, participan como instancias promotoras oito grupos de investigación da USC: Grupo Compostela de Estudos sobre Imaxinarios Sociais (GI-1162),  Rede de investigadores en demografía, historia económica e migracións (GI-1172), Teoría da literatura e Literatura comparada (GI-1371), Antropoloxía socio-cultural (GI-1428), Estudos dos sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de lingua portuguesa (GI-1811), Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas textuais e visuais (GI-1839), Cuestións identitarias na literatura en lingua inglesa (GI-1924) e Linguaxe, retórica e ideoloxía (GI-1944). Unhas das primeiras actividades que o CIEPE organizará, máis ben a plataforma de grupos mencionada, é o curso de verán Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, que terá lugar entre os días 8 e 10 de xullo na Faculdade de Filosofía da USC e cuxa conferencia inaugural correrá a cargo de Itamar Even-Zohar (profesor emérito na Universidade de Tel Aviv). As directoras do curso son Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A súa secretaria, María Xesús Nogueira.

O GAAP promove así mesmo proxectos de investigación, que concorren a convocatorias públicas nos marcos autonómico e estatal, e convenios con institucións e entidades públicas e privadas, de todo o cal se irá informando debidamente.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: