BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for Decembro 2009

poesiagalega.org

Posted by gaapdec o Decembro 4, 2009

A partir das coordenadas de actuación que foron marcadas desde a súa constitución, o GAAP fixou como un dos seus obxectivos principais a creación dun sitio web que funcione como repositorio dixital onde teñan cabida, de forma centralizada e referencial, materiais relativos á poesía galega contemporánea. Os materiais abranguerán textos literarios en diferente soporte e tamén unha serie de apartados que contribúan a delimitar o lugar socio-cultural, simbólico, literario e institucional da poesía. Entre outros, os referidos á crítica, á historia literaria e o canon, ao comparatismo literario e interartístico, á tradución, ao estudo da edición e a mediación no mercado do libro, á institucionalización de textos e autores ou ao experimentalismo e os novos procedementos poéticos.

Coa intención de consolidar a devandita iniciativa, en febreiro de 2009 o grupo alcanzou un acordo co Consello da Cultura Galega para promover conxuntamente a creación da plataforma, integrada nos servizos documentais e divulgativos desa institución, e en relación coa cal se declara un obxectivo común: configurar un sitio de acceso aberto que en breve prazo poida chegar a ser de referencia para a comunidade de investigadores e investigadoras, o mundo do ensino e o público en xeral. O portal estará aloxado no dominio http://poesiagalega.org e prevese que sexa activado na primavera de 2010.

A posta en marcha de poesiagalega.org viuse reforzada na presente semana coa noticia da resolución favorábel, por parte da Xunta de Galicia, para a solicitude do proxecto de investigación Poesiagalega.org: constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural, que concorría na convocatoria correspondente aos programas sectoriais de investigación aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, concretamente na tecnoloxía sectorial denominada Sociedade e Cultura. O devandito proxecto, que se desenvolverá nos tres próximos anos, conta como investigador principal co coordinador do GAAP, Arturo Casas, e incorporará o traballo de cinco persoas que suman as súas forzas ás dos/as integrantes do grupo. Trátase de José Luís Forneiro (USC), Helena González (Universitat de Barcelona), Olivia Rodríguez (Universidade da Coruña), Dolores Vilavedra (USC) e Miro Villar (IES Fin do Camiño, Fisterra).

Do desenvolvemento simultáneo do proxecto e do proceso de construción do portal poesiagalega.org tentaremos dar conta a través deste blogue.

Advertisements

Posted in colaboracións, documentación, iniciativas, investigación, obxectivos, poesiagalega.org, proxectos específicos | Leave a Comment »