BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for Novembro 2010

Congreso Internacional de Poesía Non Lírica

Posted by gaapdec o Novembro 6, 2010

A Comisión Organizadora do I Congreso Internacional sobre discursos non líricos na poesía contemporánea. Espazos, suxeitos, medialidade (DINOLIPOE), que se vai celebrar os días 26 e 27 de abril de 2011 na Universidade de Vigo, fixo pública a súa convocatoria . O obxectivo é abordar algunhas das principais cuestións que dependen da inestabilidade funcional do suxeito/autor-a na constitución do eu poético, así como as consecuencias da proxección sociocultural da poesía na esfera pública. Entre as áreas de interese atópanse as seguintes:

  • A poesía na esfera pública
  • Poesía, economía e institucións
  • A poesía en tradución: linguas, culturas, códigos, transcreación
  • Novos suxeitos e obxectos poéticos
  • Os discursos poéticos na posmodernidade
  • A identificación entre poesía e lírica
  • Narratividade e discurso poético
  • Formas neoépicas en poesía
  • Poesía, diálogo, dialoxismo: voces e identidades no poema
  • Poesía e ficción
  • Poesía como ensaio e argumentación
  • Ideoloxía, performatividade e discurso poético
  • O marco espacial da comunicación poética: lectura, recitado, performance
  • Poesía e medios de comunicación: oralidade, páxina, pantalla, guión, teatro, canción, Internet
  • Poesía e intermedialidade
  • Lugares da metapoesía
  • Comunidades poéticas
  • Espazos e temas na poesía experimental
  • Unidades poéticas: do verso á rede ao través de libros e revistas
  • A poesía e a crítica
  • Poesía e xénero

A Comisión Organizadora solicita o envío de propostas cun máximo de 300 palabras para relatorios de aproximadamente 20 minutos, xunto cunha breve nota biográfica ou curriculum vitae ao enderezo dinolipoe@gmail.com. A data límite de recepción é o  ata o 4 de xaneiro de 2011. Pode localizarse máis información na páxina web oficial do Congreso.

Advertisements

Posted in escritura e plástica, espazo público, experimental, hipertextualidade, iniciativas, investigación, media poetry, oralidade, performance, poesía non-lírica, proxectos específicos | Leave a Comment »

Encontro sobre oralidades

Posted by gaapdec o Novembro 3, 2010

Durante os días 20, 21 e 22 do pasado mes de outubro celebrouse na Facultade de Humanidades de Lugo o curso A literatura oral na actualidade. Galicia e Hispanoamérica, dirixido polas profesoras Ana Chouciño Fernández e María Xesús Nogueira Pereira. Co obxectivo de estudar as manifestacións da literatura oral como un fenómeno vivo e diverso, o programa contou con expertos de distintos ámbitos –desde o académico ao do espectáculo– que combinaron sesións teóricas e expositivas con talleres.

O curso inaugurouse cunha conferencia na que Arturo Casas disertou acerca dos marcos teóricos nos que pode abordarse hoxe en día o estudo da literatura oral. Ás posibilidades da literatura oral en Internet dedicou unha boa parte da súa intervención Antonio Reigosa, impulsor de numerosos proxectos entre os que figura a enciclopedia virtual Galicia Encantada, quen presentou un exhaustivo catálogo de portais, páxinas web e outros recursos. Orixinal en canto ao enfoque resultou a conferencia impartida por Anxo Fernández Ocampo (Universidade de Vigo), que se centrou na escritura fotográfica e analizou, a partir do corpus formado polo material de Miro de Xanuco, unha reflexión acerca da evolución da fotografía e as súas funcións.

A perspectiva histórica en Hispanoamérica desde a óptica da colonización e o conseguinte enfrontamento entre as formas orais e a crónica foron tratadas por Eduardo Becerra (Universidad Autónoma de Madrid). Pola súa banda, Rogelio Rodríguez Coronel (Universidad de La Habana) achegouse á literatura yoruba cubana, ilustrando coa proxección dun documental elementos centrais da mitoloxía orisha, mentres que Margarita Vásques (Universidad de Panamá) tratou as manifestacións literarias da poboación kuna.

A orientación práctica do curso quedou patente nos talleres impartidos pola profesor Ana Acuña (Universidade de Vigo) e polo contacontos Celso Fernández Sanmartín. Mentres que a primeira traballou no ensino de técnicas para a fixación de materiais, con especial atencion a fórmulas poéticas como o romance ou a oracion, o segundo explorou diferentes posibilidades de narración oral baseándose, en boa medida, na experiencia adquirida na súa etapa como animador sociocultural nunha residencia de anciáns de Lalín.

O curso tiña previsto rematar cun recital do repentista cubano Alexis Díaz Pimenta, que tivo que ser suspendido por motivos de última hora relacionados co seu desprazamento.

 

Posted in comparatismo, diferenza cultural, oralidade, proxectos específicos | Leave a Comment »