BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for the ‘enclaves’ Category

Simposio Cultura e Migración no CIPPCE

Posted by gaapdec o Outubro 3, 2011

Os días 27 e 28 de outubro de 2011 desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela o Simposio Cultura e Migración, organizado polo Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE). Algúns dos relatorios deste simposio farán mención específica ao fenómeno poético desde diferentes puntos de vista.

Descárguese aquí o tríptico do simposio coa programación e as indicacións relativas á inscrición. Esta será gratuíta para todos os interesados/as nos temas de debate.

Posted in diferenza cultural, emerxencia cultural, enclaves, espazo público, eventos, identidades, institucións, migración, oralidade, proxectos específicos | Leave a Comment »

Europa e a diferenza cultural

Posted by gaapdec o Xuño 8, 2009

repensarmos

Entre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por dúas investigadoras vinculadas ao CIEPE, Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade, e con funcións de secretaría a cargo de María Xesús Nogueira, igualmente membro do CIEPE e tamén, como a segunda das directoras citadas, adscrita ao Grupo Alea de Análise Poética. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26  de xuño).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Posted in diferenza cultural, emerxencia cultural, enclaves, Europa, fronteiras, identidades, proxectos específicos | Leave a Comment »