BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for the ‘formación do grupo’ Category

En activo

Posted by gaapdec o Maio 26, 2009

GAAP-PREF-2

O Grupo Alea de Análise Poética (GAAP) formalizou a súa constitución no mes de xaneiro de 2009 na Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. As súas actividades como núcleo efectivo de colaboración nos estudos sobre materia poética proceden en todo caso de antes da data que se sinala. Poden situarse nos proxectos e desenvolvementos teórico-críticos do grupo de Teoría da literatura e Literatura comparada (GI-1371 no Catálogo de grupos de investigación da USC), moi favorecidos nos últimos anos pola incorporación de novos investigadores/as que traballan sobre poética e poesía contemporáneas.

O GAAP fíxase como obxectivo fundamental a dinamización da investigación sobre materia poética e sobre os propios procedementos de análise metodolóxica e de selección e concreción heurística cando se fala de poesía. Trátase dunha tarefa entendida non estritamente en sentido académico senón, de modo especial, na súa dimensión participativa no campo literario-cultural. De xeito que o GAAP aspira a intervir nese campo achegando un discurso teórico e crítico plurívoco e non cinguido a coordenadas apriorísticas, que irá acompañado dun esforzo por documentar da mellor maneira posíbel o curso da poesía contemporánea, cunha ollada moi atenta á que se podería denominar actual, á de hoxe, a que está viva e ten algunha clase de cometido e presenza na esfera pública.

O GAAP confórmao desde os seus inicios un grupo de dez investigadoras e investigadores que comparten o interese polo debate metodolóxico na esfera teórico-crítica e comparada pero que no marco das análises que se comprometen a activar como colectivo estará orientado con determinación e claridade á produción poética galega, sobre todo á propia dos séculos XX e XXI. O concepto de produción que se pretende vehicular non terá un sentido restritivo nin textualista, de modo que as atencións serán así mesmo plurais e responderán a un programa aberto que non oculta a súa ambición como tarefa crítica e intelectual, por tanto tamén cultural e conscientemente política. Tratarase, pois, de activar a análise sobre repertorios e prácticas, sobre medios e públicos, sobre axencialidade e identidades, sobre a institucionalización e o canon, sobre imaxes e formas, sobre disposición e performatividade. Iso e algo máis.

No GAAP participan seis membros da área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, pero non se trata dun proxecto interno deste núcleo. De feito, participan tamén dúas investigadoras adscritas ao Departamento de Filoloxía Galega da mesma universidade e dúas vinculadas ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Un propósito nalgún sentido subsidiario que non se quere ocultar na constitución do grupo, e na propia configuración da rede de colaboradoras/es detallada, é o debate sobre a historicidade da poesía e incluso o centrado no discurso historiográfico asociado, en relación co cal o grupo aspira a fornecer mecanismos alternativos que contribúan a renovar a historia literaria nos planos funcional, metodolóxico e mesmo discursivo. Fálase por tanto dunha proxección non allea ás esferas formativa e didáctica. 

Inicialmente constitúen o grupo Arturo Casas (coordinador), Iris Cochón, Lorena Domínguez Mallo, Margarita García Candeira, María López Sández, Isaac Lourido, Chus Nogueira, Montse Pena, María do Cebreiro Rábade e Iria Sobrino. É posíbel que no futuro se incorporen outros investigadores que asuman os obxectivos indicados e acheguen iniciativas e puntos de vista dinamizadores do proxecto.

A serie de logotipos do GAAP, entre eles o que acompaña esta anotación, débese á X. Carlos Hidalgo.

Posted in formación do grupo, obxectivos | 1 Comment »