BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for the ‘funcionalidade do blogue’ Category

Tentativas

Posted by gaapdec o Xuño 6, 2009

Arquivo

Como xa se destacou anteriormente, este blogue arrinca co propósito de intervir como plataforma de apoio dos traballos de investigación do GAAP, en particular na comunicación das tarefas asumidas e tamén no rexistro e documentación dos elos e avances no camiño emprendido. Con todo, non se renuncia a que nesa funcionalidade exista un espazo para análises e achegas persoais que non hai motivo para interpretar asumidas pola totalidade dos integrantes do grupo. Algunhas desas achegas é posíbel que aparezan asinadas coas iniciais ou o nome completo da redactora ou redactor.

Na función documental que sen ánimo de exhaustividade asume o blogue, intentaremos dar conta de convocatorias e iniciativas referidas ao marco básico de interese, a poesía galega contemporánea. Do mesmo xeito, estamos a considerar a posibilidade de empregar o blogue como espazo propicio para o rexistro e vínculo de anotacións que na blogosfera resulten de interese para quen le e se ocupa da poesía actual, moi en particular da nosa.

Por último, o blogue dará conta así mesmo da actualidade como investigadores e como programadores de eventos (ou apenas participantes neles) dos membros do grupo. Fundamentalmente, no que afecta á súa intervención no espazo da análise poética, se ben tendo moi presentes a posición e a conceptualización de partida, que non son textualistas nin promoven que se centren os debates en torno só a autores ou poéticas. A poesía como espazo de análise está referida, nese sentido, a un sector máis dos campos cultural e literario, e pode (e debe) ser focalizada tamén en relación con operativos non orientados unicamente á materialización do poético como texto. Esa é a razón de que se entenda apropiado informar aquí sobre intervencións dos integrantes do GAAP dirixidas directa ou indirectamente ao fenómeno poético e a súa presenza socio-cultural, institucional, identitaria ou repertorial, por citarmos só algunhas das etiquetas que se poderían xuntar a este propósito.

Advertisements

Posted in autoría, blogosfera, documentación, funcionalidade do blogue, iniciativas | Leave a Comment »