BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

  • Advertisements

Archive for the ‘investigación’ Category

Congreso Internacional de Poesía Non Lírica

Posted by gaapdec o Novembro 6, 2010

A Comisión Organizadora do I Congreso Internacional sobre discursos non líricos na poesía contemporánea. Espazos, suxeitos, medialidade (DINOLIPOE), que se vai celebrar os días 26 e 27 de abril de 2011 na Universidade de Vigo, fixo pública a súa convocatoria . O obxectivo é abordar algunhas das principais cuestións que dependen da inestabilidade funcional do suxeito/autor-a na constitución do eu poético, así como as consecuencias da proxección sociocultural da poesía na esfera pública. Entre as áreas de interese atópanse as seguintes:

  • A poesía na esfera pública
  • Poesía, economía e institucións
  • A poesía en tradución: linguas, culturas, códigos, transcreación
  • Novos suxeitos e obxectos poéticos
  • Os discursos poéticos na posmodernidade
  • A identificación entre poesía e lírica
  • Narratividade e discurso poético
  • Formas neoépicas en poesía
  • Poesía, diálogo, dialoxismo: voces e identidades no poema
  • Poesía e ficción
  • Poesía como ensaio e argumentación
  • Ideoloxía, performatividade e discurso poético
  • O marco espacial da comunicación poética: lectura, recitado, performance
  • Poesía e medios de comunicación: oralidade, páxina, pantalla, guión, teatro, canción, Internet
  • Poesía e intermedialidade
  • Lugares da metapoesía
  • Comunidades poéticas
  • Espazos e temas na poesía experimental
  • Unidades poéticas: do verso á rede ao través de libros e revistas
  • A poesía e a crítica
  • Poesía e xénero

A Comisión Organizadora solicita o envío de propostas cun máximo de 300 palabras para relatorios de aproximadamente 20 minutos, xunto cunha breve nota biográfica ou curriculum vitae ao enderezo dinolipoe@gmail.com. A data límite de recepción é o  ata o 4 de xaneiro de 2011. Pode localizarse máis información na páxina web oficial do Congreso.

Advertisements

Posted in escritura e plástica, espazo público, experimental, hipertextualidade, iniciativas, investigación, media poetry, oralidade, performance, poesía non-lírica, proxectos específicos | Leave a Comment »

Poesía experimental catalá

Posted by gaapdec o Outubro 28, 2010

O grupo de investigación LiCETC da Universidade das Illas Baleares, co que o GAAP mantén proveitosas relacións de colaboración, estrea nova web, vinculada neste caso ao proxecto de investigación La poesia experimental catalana del període 1970-1990: discursos, representacions, recepció, infraestructures de difusió i marc sociocultural (PeC). O propósito anunciado polos membros do equipo é o de analizaren un conxunto de propostas experimentais notabelmente amplo, vendo en perspectiva crítica e comparada as ligazóns existentes coas prácticas poéticas textualistas, letristas, concretistas, visuais e polipoéticas, entre outras varias que foron atendidas en espazos xeoculturais diversos en Europa ou nas Américas.

Para isto, o grupo coordinado por Margalida Pons terá sobre todo presente a produción de poetas como Vicenç Altaió, Josep Albertí, J. M. Calleja, Enric Casasses, Jordi Domènech, Patrick Gifreu, Carles Hac Mor, Damià Huguet, Joan Palou, Santi Pau, Perejaume, Marcel Pey, Jordi Pope, Joaquim Sala-Sanahuja, Josep-Lluís Seguí, Víctor Sunyol e Andreu Terrades.

A idea inicial de experimentación concrétase nos seguintes termos: “ens interessa rellegir les poètiques que aporten al sistema literari català formes diverses de ruptura textual (com el joc amb el format, el codi i el suport, o la incorporació d’elements visuals), però també noves maneres de comunicació del poema (per mitjà de la reivindicació de la performance i de l’oralitat, per exemple)”.

Posted in comparatismo, escritura e plástica, experimental, iniciativas, investigación, poesía catalá, poesía non-lírica, proxectos específicos | Leave a Comment »

poesiagalega.org

Posted by gaapdec o Decembro 4, 2009

A partir das coordenadas de actuación que foron marcadas desde a súa constitución, o GAAP fixou como un dos seus obxectivos principais a creación dun sitio web que funcione como repositorio dixital onde teñan cabida, de forma centralizada e referencial, materiais relativos á poesía galega contemporánea. Os materiais abranguerán textos literarios en diferente soporte e tamén unha serie de apartados que contribúan a delimitar o lugar socio-cultural, simbólico, literario e institucional da poesía. Entre outros, os referidos á crítica, á historia literaria e o canon, ao comparatismo literario e interartístico, á tradución, ao estudo da edición e a mediación no mercado do libro, á institucionalización de textos e autores ou ao experimentalismo e os novos procedementos poéticos.

Coa intención de consolidar a devandita iniciativa, en febreiro de 2009 o grupo alcanzou un acordo co Consello da Cultura Galega para promover conxuntamente a creación da plataforma, integrada nos servizos documentais e divulgativos desa institución, e en relación coa cal se declara un obxectivo común: configurar un sitio de acceso aberto que en breve prazo poida chegar a ser de referencia para a comunidade de investigadores e investigadoras, o mundo do ensino e o público en xeral. O portal estará aloxado no dominio http://poesiagalega.org e prevese que sexa activado na primavera de 2010.

A posta en marcha de poesiagalega.org viuse reforzada na presente semana coa noticia da resolución favorábel, por parte da Xunta de Galicia, para a solicitude do proxecto de investigación Poesiagalega.org: constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural, que concorría na convocatoria correspondente aos programas sectoriais de investigación aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, concretamente na tecnoloxía sectorial denominada Sociedade e Cultura. O devandito proxecto, que se desenvolverá nos tres próximos anos, conta como investigador principal co coordinador do GAAP, Arturo Casas, e incorporará o traballo de cinco persoas que suman as súas forzas ás dos/as integrantes do grupo. Trátase de José Luís Forneiro (USC), Helena González (Universitat de Barcelona), Olivia Rodríguez (Universidade da Coruña), Dolores Vilavedra (USC) e Miro Villar (IES Fin do Camiño, Fisterra).

Do desenvolvemento simultáneo do proxecto e do proceso de construción do portal poesiagalega.org tentaremos dar conta a través deste blogue.

Posted in colaboracións, documentación, iniciativas, investigación, obxectivos, poesiagalega.org, proxectos específicos | Leave a Comment »

Novas publicacións

Posted by gaapdec o Outubro 16, 2009

libros2008blog

Desde o GAAP queremos dar noticia nesta ocasión dunha serie de próximas publicacións vinculadas á actividade do grupo. A primeira delas ten a súa orixe na celebración do IX Congreso Internacional de Estudos Galegos (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, 13-17 de xullo de 2009). Trátase dun número monográfico do Boletín Galego de Literatura que recollerá os relatorios sobre materia poética presentados no devandito congreso, e cuxa coordenación corre por conta de María Xesús Lama (Universitat de Barcelona) e María Xesús Nogueira (USC). A publicación, impulsada polo GAAP, incluirá os contributos desenvolvidos nos paneis A poesía galega actual: suxeitos, discursos referentes en perspectiva comparada e Nación e xénero nas poetas galegas e irlandesas contemporáneas, para alén doutros relatorios individuais presentados no mesmo congreso e que atenden a autores/as, poéticas e enfoques de carácter plural e diverso. Prevese a aparición deste monográfico cara ao mes de maio de 2010.

Un segundo núcleo de publicacións está relacionado coa rede internacional de investigadores e investigadoras Poetics of Resistance, en cuxa nómina constan varias das persoas que integran tamén o GAAP. A partir das achegas xeradas nos dous encontros da rede (o de Leeds, en marzo de 2008, e o de Santiago de Compostela, en abril de 2009) será publicado un libro na serie Hispanic Studies: Culture and Ideas, da editora Peter Lang, coordenado por Ben Bollig (University of Leeds) e Arturo Casas (USC) e co título provisorio de Prácticas poéticas de resistencia y emancipación. A obra compilará aproximacións diversas ao fenómeno poético, entendido nun sentido expandido e abordado desde perspectivas teóricas e aplicadas.

Outra publicación vinculada a Poetics of Resistance é a que conformará un monográfico da revista australiana Cosmos and History, especializada no ámbito da filosofía. Os artigos que integrarán este número especial, procedentes tamén dos contributos efectuados nos dous encontros da rede, centran a súa atención no concepto de resistencia, tanto no que se refire á súa delimitación conceptual canto na análise da súa aplicación en prácticas de carácter literario, audiovisual e artístico en xeral.

Posted in iniciativas, investigación, publicacións, redes | Leave a Comment »

A poesía non-lírica

Posted by gaapdec o Outubro 9, 2009

TBPoetryBench

En datas recentes soubemos da resposta provisional favorábel, por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación e dentro da última convocatoria do Programa Nacional de Proyectos de Investigación Fundamental, á solicitude efectuada polo proxecto El discurso no-lírico en la poesía contemporánea: espacios, sujetos, hibridación enunciativa, medialidad. O equipo que se ocupará de desenvolver o proxecto durante os próximos tres anos está formado polas seguintes persoas, varias delas integrantes tamén do GAAP: Arturo Casas Vales (investigador principal, da USC), Cornelia Graebner (University of Lancaster), Ana Chouciño (USC), Rosa Marta Gómez Pato (USC), Mark A. Wiersma (USC), Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo), Lorena Domínguez Mallo (USC), Isaac Lourido (USC), Iratxe Retolaza (Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitateko) e María López Sández (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades).

O punto de partida teórico localízase na detección da progresiva converxencia conceptual entre os conceptos de poesía e lírica. O proxecto estudiará o modo en que se recibiu e reformulou tal confusión na modernidade e na postmodernidade. O obxectivo inicial é analizar as consecuencias da inestabilidade funcional do suxeito/autor na constitución do eu poético e na proxección cultural e social da poesía na esfera pública, coa posta en causa paralela das dimensións crítica, cultural e social da poesía, cunha atención preferente á diversificación de prácticas de hibridación medial e discursiva e a súa localización en espazos concretos.

Outros focos de interese serán a incorporación da narratividade e o dialoxismo (dramatizante ou non) no discurso poético e tamén a expansión ensaística da dicción poética. Esta última supón unha funcionalidade diferente dos elementos dispositivos, argumentativos e performativos da poesía e, con outras opcións, representa unha importante ruptura coa inscrición da lírica no privado (persoal, áulico, corporativo…), favorecedora dunha extensión cara ao público e dun distanciamento co selecto e coa propia idea de distinción. Interesan igualmente como obxectivo as conexións interartísticas, intermediais e hipertextuais da poesía nos seus planos pragmático, sociolóxico e culturolóxico. Tamén se documentarán os engarces das novas prácticas cos novos suxeitos, os novos públicos e os novos espazos, nunha observación atenta ao eixe identidade-diferenza.

O proxecto incorporará, asemade, unha lectura comparada en planos como o espacial e o histórico. Este último refírese, en concreto, á coexistencia de prácticas poéticas premodernas con outras postmodernas (pénsese, por exemplo, na convivencia en América Latina de formas de oralidade ligadas ao neo-indixenismo, ou incluso á condición indíxena, con outras xurdidas desde o diálogo entre a poesía e a tecnoloxía). Consecuentemente, considérase necesario pensar o suxeito periférico e o suxeito intercultural en relación coas prácticas poéticas non líricas. Ligado con ese plano, atenderase tamén o carácter tradutivo da lingua e da cultura en relación coa experiencia do mundo e o seu relato. Todo iso sen limitar a análise a unha produción xeocultural ou lingüística específica.

 

Posted in iniciativas, investigación, poesía non-lírica, proxectos específicos | 1 Comment »