BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

A poesía non-lírica

Posted by gaapdec o Outubro 9, 2009

TBPoetryBench

En datas recentes soubemos da resposta provisional favorábel, por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación e dentro da última convocatoria do Programa Nacional de Proyectos de Investigación Fundamental, á solicitude efectuada polo proxecto El discurso no-lírico en la poesía contemporánea: espacios, sujetos, hibridación enunciativa, medialidad. O equipo que se ocupará de desenvolver o proxecto durante os próximos tres anos está formado polas seguintes persoas, varias delas integrantes tamén do GAAP: Arturo Casas Vales (investigador principal, da USC), Cornelia Graebner (University of Lancaster), Ana Chouciño (USC), Rosa Marta Gómez Pato (USC), Mark A. Wiersma (USC), Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo), Lorena Domínguez Mallo (USC), Isaac Lourido (USC), Iratxe Retolaza (Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitateko) e María López Sández (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades).

O punto de partida teórico localízase na detección da progresiva converxencia conceptual entre os conceptos de poesía e lírica. O proxecto estudiará o modo en que se recibiu e reformulou tal confusión na modernidade e na postmodernidade. O obxectivo inicial é analizar as consecuencias da inestabilidade funcional do suxeito/autor na constitución do eu poético e na proxección cultural e social da poesía na esfera pública, coa posta en causa paralela das dimensións crítica, cultural e social da poesía, cunha atención preferente á diversificación de prácticas de hibridación medial e discursiva e a súa localización en espazos concretos.

Outros focos de interese serán a incorporación da narratividade e o dialoxismo (dramatizante ou non) no discurso poético e tamén a expansión ensaística da dicción poética. Esta última supón unha funcionalidade diferente dos elementos dispositivos, argumentativos e performativos da poesía e, con outras opcións, representa unha importante ruptura coa inscrición da lírica no privado (persoal, áulico, corporativo…), favorecedora dunha extensión cara ao público e dun distanciamento co selecto e coa propia idea de distinción. Interesan igualmente como obxectivo as conexións interartísticas, intermediais e hipertextuais da poesía nos seus planos pragmático, sociolóxico e culturolóxico. Tamén se documentarán os engarces das novas prácticas cos novos suxeitos, os novos públicos e os novos espazos, nunha observación atenta ao eixe identidade-diferenza.

O proxecto incorporará, asemade, unha lectura comparada en planos como o espacial e o histórico. Este último refírese, en concreto, á coexistencia de prácticas poéticas premodernas con outras postmodernas (pénsese, por exemplo, na convivencia en América Latina de formas de oralidade ligadas ao neo-indixenismo, ou incluso á condición indíxena, con outras xurdidas desde o diálogo entre a poesía e a tecnoloxía). Consecuentemente, considérase necesario pensar o suxeito periférico e o suxeito intercultural en relación coas prácticas poéticas non líricas. Ligado con ese plano, atenderase tamén o carácter tradutivo da lingua e da cultura en relación coa experiencia do mundo e o seu relato. Todo iso sen limitar a análise a unha produción xeocultural ou lingüística específica.

 

Unha resposta to “A poesía non-lírica”

  1. […] da Universidade de Santiago de Compostela, e dous membros máis do proxecto de investigación sobre poesía non lírica na contemporaneidade, a propia Cornelia Gräbner e Burghard Baltrusch (Universidade de Vigo). Eis o índice completo do […]

Deixar un comentario