BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for the ‘poesiagalega.org’ Category

Letras de Cal recuperada íntegra en web

Posted by gaapdec o Xuño 3, 2011

O equipo de poesiagalega.org vén de completar coa inestimábel colaboración de Eduardo Estévez a edición electrónica da colección íntegra de Letras de Cal (1997-2001). Pode localizarse máis información sobre a iniciativa e a formación do grupo na segunda metade dos anos 90 neste lugar.

A serie confórmana dúas antoloxías, unha de poesía galega (dEfecto 2000) e outra de poesía vasca en edición bilingüe (A ponte das palabras. Poesía vasca 1990-2000 / Hitzezko zubia. Euskal poesia 1990-2000), e doce libros de poemas dos seguintes autores/as: María Lado, Olga Novo, Igor Lugrís, Xosé de Cea, Verónica Martínez Delgado, Carlos Negro, Suso Bahamonde, Celso Fernández Sanmartín, Séchu Sende, Celeste Craveiro, Francisco Souto e Kiko Neves.

Posted in edición dixital, editoras, grupos, poesía vasca, poesiagalega.org | Leave a Comment »

Saímos o 25

Posted by gaapdec o Xaneiro 14, 2011

O vindeiro 25 de xaneiro farase público na rede o repositorio poesiagalega.org e a base de datos asociada. Tras un ano de labor intenso e a colaboración de diferentes institucións, investigadoras, editoriais e poetas puido concretarse un número suficiente de fichas sobre textos críticos, fotografía, rexistros sonoros e gravacións de vídeo que documentan algo sobre os traxectos da poesía galega dos séculos XIX, XX e XXI. O camiño comeza. Sabemos que é apenas iso. Nada menos que iso.

A rendibilidade dunha base de datos increméntase a medida que os rexistros aumentan. Aí habilítanse novos cruces de información que fan cada vez máis potente a ferramenta. Iso redundará, así o cremos, nunha revitalización dos estudos sobre a poesía galega contemporánea no campo cultural. Ademais, consideramos que este labor de transferencia de coñecemento posúe de seu unha proxección sociocultural relevante coa que o GAAP está comprometido. O repositorio facilitará documentos e información sobre a poesía como feito cultural. Fornecerá textos, datos, referencias… a quen investiga, a quen estuda, a quen le, a quen quere saber.

Vémonos o 25!

Posted in iniciativas, poesiagalega.org, proxectos específicos | Leave a Comment »

O GAAP no Diario Cultural

Posted by gaapdec o Marzo 26, 2010

O pasado luns 22 de marzo, no espazo dedicado polo Diario Cultural (Radio Galega) ao Día Mundial da Poesía, foi entrevistado o coordinador do GAAP, Arturo Casas.

Asuntos centrais da conversa mantida con Ana Romaní foron a explicación dos puntos de partida e do traballo desenvolvido polo GAAP, a reflexión sobre as condicións e o lugar ocupado pola poesía no campo cultural contemporáneo, e o avance, a entidade e os obxectivos ligados ao proxecto de poesiagalega.org.

A entrevista pódese escoitar no seguinte enlace, entre os minutos 10:45 e 22:20:

Diario Cultural (22/03/2010)

Posted in GAAP nos medios, obxectivos, poesiagalega.org | Leave a Comment »

poesiagalega.org

Posted by gaapdec o Decembro 4, 2009

A partir das coordenadas de actuación que foron marcadas desde a súa constitución, o GAAP fixou como un dos seus obxectivos principais a creación dun sitio web que funcione como repositorio dixital onde teñan cabida, de forma centralizada e referencial, materiais relativos á poesía galega contemporánea. Os materiais abranguerán textos literarios en diferente soporte e tamén unha serie de apartados que contribúan a delimitar o lugar socio-cultural, simbólico, literario e institucional da poesía. Entre outros, os referidos á crítica, á historia literaria e o canon, ao comparatismo literario e interartístico, á tradución, ao estudo da edición e a mediación no mercado do libro, á institucionalización de textos e autores ou ao experimentalismo e os novos procedementos poéticos.

Coa intención de consolidar a devandita iniciativa, en febreiro de 2009 o grupo alcanzou un acordo co Consello da Cultura Galega para promover conxuntamente a creación da plataforma, integrada nos servizos documentais e divulgativos desa institución, e en relación coa cal se declara un obxectivo común: configurar un sitio de acceso aberto que en breve prazo poida chegar a ser de referencia para a comunidade de investigadores e investigadoras, o mundo do ensino e o público en xeral. O portal estará aloxado no dominio http://poesiagalega.org e prevese que sexa activado na primavera de 2010.

A posta en marcha de poesiagalega.org viuse reforzada na presente semana coa noticia da resolución favorábel, por parte da Xunta de Galicia, para a solicitude do proxecto de investigación Poesiagalega.org: constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural, que concorría na convocatoria correspondente aos programas sectoriais de investigación aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, concretamente na tecnoloxía sectorial denominada Sociedade e Cultura. O devandito proxecto, que se desenvolverá nos tres próximos anos, conta como investigador principal co coordinador do GAAP, Arturo Casas, e incorporará o traballo de cinco persoas que suman as súas forzas ás dos/as integrantes do grupo. Trátase de José Luís Forneiro (USC), Helena González (Universitat de Barcelona), Olivia Rodríguez (Universidade da Coruña), Dolores Vilavedra (USC) e Miro Villar (IES Fin do Camiño, Fisterra).

Do desenvolvemento simultáneo do proxecto e do proceso de construción do portal poesiagalega.org tentaremos dar conta a través deste blogue.

Posted in colaboracións, documentación, iniciativas, investigación, obxectivos, poesiagalega.org, proxectos específicos | Leave a Comment »