BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for the ‘diferenza cultural’ Category

Simposio Cultura e Migración no CIPPCE

Posted by gaapdec o Outubro 3, 2011

Os días 27 e 28 de outubro de 2011 desenvolverase no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela o Simposio Cultura e Migración, organizado polo Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes (CIPPCE). Algúns dos relatorios deste simposio farán mención específica ao fenómeno poético desde diferentes puntos de vista.

Descárguese aquí o tríptico do simposio coa programación e as indicacións relativas á inscrición. Esta será gratuíta para todos os interesados/as nos temas de debate.

Posted in diferenza cultural, emerxencia cultural, enclaves, espazo público, eventos, identidades, institucións, migración, oralidade, proxectos específicos | Leave a Comment »

Encontro sobre oralidades

Posted by gaapdec o Novembro 3, 2010

Durante os días 20, 21 e 22 do pasado mes de outubro celebrouse na Facultade de Humanidades de Lugo o curso A literatura oral na actualidade. Galicia e Hispanoamérica, dirixido polas profesoras Ana Chouciño Fernández e María Xesús Nogueira Pereira. Co obxectivo de estudar as manifestacións da literatura oral como un fenómeno vivo e diverso, o programa contou con expertos de distintos ámbitos –desde o académico ao do espectáculo– que combinaron sesións teóricas e expositivas con talleres.

O curso inaugurouse cunha conferencia na que Arturo Casas disertou acerca dos marcos teóricos nos que pode abordarse hoxe en día o estudo da literatura oral. Ás posibilidades da literatura oral en Internet dedicou unha boa parte da súa intervención Antonio Reigosa, impulsor de numerosos proxectos entre os que figura a enciclopedia virtual Galicia Encantada, quen presentou un exhaustivo catálogo de portais, páxinas web e outros recursos. Orixinal en canto ao enfoque resultou a conferencia impartida por Anxo Fernández Ocampo (Universidade de Vigo), que se centrou na escritura fotográfica e analizou, a partir do corpus formado polo material de Miro de Xanuco, unha reflexión acerca da evolución da fotografía e as súas funcións.

A perspectiva histórica en Hispanoamérica desde a óptica da colonización e o conseguinte enfrontamento entre as formas orais e a crónica foron tratadas por Eduardo Becerra (Universidad Autónoma de Madrid). Pola súa banda, Rogelio Rodríguez Coronel (Universidad de La Habana) achegouse á literatura yoruba cubana, ilustrando coa proxección dun documental elementos centrais da mitoloxía orisha, mentres que Margarita Vásques (Universidad de Panamá) tratou as manifestacións literarias da poboación kuna.

A orientación práctica do curso quedou patente nos talleres impartidos pola profesor Ana Acuña (Universidade de Vigo) e polo contacontos Celso Fernández Sanmartín. Mentres que a primeira traballou no ensino de técnicas para a fixación de materiais, con especial atencion a fórmulas poéticas como o romance ou a oracion, o segundo explorou diferentes posibilidades de narración oral baseándose, en boa medida, na experiencia adquirida na súa etapa como animador sociocultural nunha residencia de anciáns de Lalín.

O curso tiña previsto rematar cun recital do repentista cubano Alexis Díaz Pimenta, que tivo que ser suspendido por motivos de última hora relacionados co seu desprazamento.

 

Posted in comparatismo, diferenza cultural, oralidade, proxectos específicos | Leave a Comment »

Ligazóns atlánticas

Posted by gaapdec o Xuño 27, 2009

11834_Cover

Anunciamos a publicación dun volume coordinado polas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios e Laura Lojo. O seu título é Writing Bonds: Irish and Galician Contemporary Women Poets (Oxford: Peter Lang, 2009) e a táboa de capítulos incorporados pode verse e descargarse aquí.

Chus Nogueira, membro do GAAP, participa con dúas colaboracións, unha sobre as representacións do feminino na poesía galega de hoxe e outra consistente nunha entrevista a Luz Pozo Garza. Outros colaboradores son, ademais das propias coordinadoras desta nova entrega da colección Hispanic Studies: Culture and Ideas da editora internacional, Mary O’Donnell, Manuel Fernández Rodríguez, María Jesús Lorenzo-Modia e Cristina Fernández Méndez, Luz Pichel e Carmen Blanco.

No prefacio do volume lense estas palabras de Irene Gilsenan Nordin, directora do Dalarna University Centre for Irish Studies:

In their introduction, the editors set out their aim for the collection,which is to demonstrate that Galician debates about contemporary woman poets are relevant to the Irish literary system, and debates in Ireland are just as relevant to Galicia. Common themes in both traditions, apart from the strong nationalist and Celtic bonds between them, are the themes of religion, language, and land. Closely associated with land is the trope of nature, which in the Irish tradition can be traced back to Amergin’s song of praise. This trope is addressed by Palacios in her eco-feminist reading of Irish and Galician woman poets, one of the highlights of the study, focusing on how our perception of nature is affected by social forces and the mediation of language and culture.

 

Posted in autoría, comparatismo, diferenza cultural, fronteiras, identidades, metodoloxía, relacións interculturais, xénero | Leave a Comment »

Europa e a diferenza cultural

Posted by gaapdec o Xuño 8, 2009

repensarmos

Entre os vindeiros 8 e 10 de xullo terá lugar na Faculdade de Filosofía compostelá, no marco da Universidade de Verán 2009 da USC , o curso Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, dirixido por dúas investigadoras vinculadas ao CIEPE, Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade, e con funcións de secretaría a cargo de María Xesús Nogueira, igualmente membro do CIEPE e tamén, como a segunda das directoras citadas, adscrita ao Grupo Alea de Análise Poética. A páxina institucional da Universidade de Santiago de Compostela informa sobre o programa do curso e sobre a normativa en materia de bolsas e matrícula (o prazo remata o venres 26  de xuño).

Os obxectivos do curso cífranse en tres: facer visíbeis as implicacións sociais dos fenómenos vinculados ás coordenadas da emerxencia cultural e dos movementos migratorios no contexto europeo, impulsar a análise das manifestacións culturais procedentes de marcos aos que tradicionalmente se adxudica unha representatividade e/ou unha lexitimidade insuficientes e abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, políticos, económicos, tecnolóxicos, mediáticos, xurídicos ou estéticos.

O curso Repensarmos Europa á luz da diferenza pretende ser non só unha actividade de divulgación, senón tamén un encontro entre especialistas na análise da cultura nos seus diferentes aspectos. En que medida os movementos migratorios están a afectar a redefinición das identidades europeas? Cales son os vínculos, pasados e presentes, entre as culturas europeas e as culturas africanas e latino-americanas? Podemos aínda falar dunha cultura europea? Responden os discursos contemporáneos sobre Europa a unha realidade ou a unha aspiración?

Estas son algunhas das preguntas que servirán como eixe para o desenvolvemento deste curso. A redefinición de conceptos teóricos como os de enclave, fronteira, interculturalidade, identidade ou diferenza será tomada como ferramenta para a análise destes procesos e para explicar en que medida afectan á vida das persoas, así como para estimular a discusión conxunta dalgúns dos debates mais presentes no mundo contemporáneo.

Participarán como relatores Itamar Even-Zohar, Elias Torres Feijó, Nacira Guénif-Souilamas, Xaime Barreiro Gil, José M. Díaz Lage, Carlos Valcárcel, Samuel Rego, Humberto Martins, António Medeiros, Pilar Cagiao e Graziela Moraes da Silva. Alén destes relatorios desenvolverase unha mesa redonda de escritores moderada por María do Cebreiro Rábade, con participación de Limam Boicha, Joaquim Arenas, Chus Pato e Manuel Outeiriño. Varios membros do CIEPE (Raquel Bello, Manuela Palacios e Arturo Casas) presentarán o curso e introducirán algúns dos relatores, como tamén o farán Ánxelo González, do IGADI, e Antón Corbahco Quintela, da Universidade Federal de Goiás. O xoves 9 pola tarde proxectarase o filme de Pedro Costa Juventude en marcha (2006), presentado polo propio director.

A inauguración será o mércores 8 de xullo ás 10 h. a cargo da Vicerreitora de Cultura da USC, Elvira Fidalgo. Colaboraron coa organización e o financiamento do curso de verán a propia Vicerreitoría de Cultura, o CIEPE, o Grupo de Investigaçom GALABRA da USC, a área de Teoría da literatura e Literatura comparada da USC, o Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Alliance Française e o Instituto Camões.

 

Posted in diferenza cultural, emerxencia cultural, enclaves, Europa, fronteiras, identidades, proxectos específicos | Leave a Comment »