BlogueGAAP

Grupo Alea de Análise Poética

  • Contacto

    Grupo Alea de Análise Poética / Caixa de correo 066 / Faculdade de Filoloxía / USC Campus Norte / 15782 Santiago de Compostela

    gaapsdc@gmail.com

  • Membros do Grupo

    Iria Sobrino - María Xesús Nogueira - Montserrat Pena - Isaac Lourido - Margarita García Candeira - Arturo Casas (coord.)
  • Meta

Archive for the ‘colaboracións’ Category

Itamar Even-Zohar: análise da cultura

Posted by gaapdec o Decembro 5, 2011

Os pasados 24 e 25 de novembro Itamar Even-Zohar (Universidade de Tel Aviv) visitou de novo a Universidade de Santiago de Compostela para participar nun seminario de traballo organizado polo Grupo Galabra, e en concreto polo equipo do proxecto FISEMPOGA (Fabricação e socialização de ideias num sistema emergente durante um período de mudança política: Galiza, 1968-82), baixo o lema “Análise da literatura e da cultura: metodologia, rumos e desafios”. Canda o Prof. Even-Zohar, que colabora desde hai anos co Grupo Galabra, e varios dos propios membros do equipo do proxecto (Elias Torres, Roberto L. I. Samartim e Cristina Martínez), tomaron parte no encontro João T. Lopes (Universidade do Porto), Jaume Subirana (Universitat Oberta de Catalunya), Mercè Picornell (Universitat de les Illes Balears) e Isaac Lourido (GAAP-USC).

Posted in colaboracións, emerxencia cultural, investigación, metodoloxía, proxectos específicos, sistemas culturais | Leave a Comment »

Mercè Picornell fala de poesía experimental catalá na USC

Posted by gaapdec o Novembro 22, 2011

 

No marco das relacións entre equipos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universitat de les Illes Balears (UIB), o mércores 23 de novembro terá lugar un seminario de traballo na Sala de Videoconferencias da Facultade de Filoloxía da USC a cargo da profesora Mercè Picornell (UIB) sobre a poesía experimental catalá e a forma de analizala, documentala e difundila.

A orientación do workshop está dirixida ao ámbito do experimental na poesía catalá e tamén ao xeito no que o Grupo LiCETC da UIB emprendeu a súa análise en canto a metodoloxía, transferencia e outros aspectos correlativos.

Web do proxecto Poesia experimental catalana (1970-1990) do Grupo LiCETC.

Posted in colaboracións, experimental, grupos, poesía catalá | Leave a Comment »

poesiagalega.org

Posted by gaapdec o Decembro 4, 2009

A partir das coordenadas de actuación que foron marcadas desde a súa constitución, o GAAP fixou como un dos seus obxectivos principais a creación dun sitio web que funcione como repositorio dixital onde teñan cabida, de forma centralizada e referencial, materiais relativos á poesía galega contemporánea. Os materiais abranguerán textos literarios en diferente soporte e tamén unha serie de apartados que contribúan a delimitar o lugar socio-cultural, simbólico, literario e institucional da poesía. Entre outros, os referidos á crítica, á historia literaria e o canon, ao comparatismo literario e interartístico, á tradución, ao estudo da edición e a mediación no mercado do libro, á institucionalización de textos e autores ou ao experimentalismo e os novos procedementos poéticos.

Coa intención de consolidar a devandita iniciativa, en febreiro de 2009 o grupo alcanzou un acordo co Consello da Cultura Galega para promover conxuntamente a creación da plataforma, integrada nos servizos documentais e divulgativos desa institución, e en relación coa cal se declara un obxectivo común: configurar un sitio de acceso aberto que en breve prazo poida chegar a ser de referencia para a comunidade de investigadores e investigadoras, o mundo do ensino e o público en xeral. O portal estará aloxado no dominio http://poesiagalega.org e prevese que sexa activado na primavera de 2010.

A posta en marcha de poesiagalega.org viuse reforzada na presente semana coa noticia da resolución favorábel, por parte da Xunta de Galicia, para a solicitude do proxecto de investigación Poesiagalega.org: constitución e xestión dun repositorio dixital da poesía galega (séculos XIX-XXI) no campo cultural, que concorría na convocatoria correspondente aos programas sectoriais de investigación aplicada, Peme I+D e I+D Suma do Plan Galego de Investigación, concretamente na tecnoloxía sectorial denominada Sociedade e Cultura. O devandito proxecto, que se desenvolverá nos tres próximos anos, conta como investigador principal co coordinador do GAAP, Arturo Casas, e incorporará o traballo de cinco persoas que suman as súas forzas ás dos/as integrantes do grupo. Trátase de José Luís Forneiro (USC), Helena González (Universitat de Barcelona), Olivia Rodríguez (Universidade da Coruña), Dolores Vilavedra (USC) e Miro Villar (IES Fin do Camiño, Fisterra).

Do desenvolvemento simultáneo do proxecto e do proceso de construción do portal poesiagalega.org tentaremos dar conta a través deste blogue.

Posted in colaboracións, documentación, iniciativas, investigación, obxectivos, poesiagalega.org, proxectos específicos | Leave a Comment »

Rede

Posted by gaapdec o Maio 28, 2009

O GAAP entende o traballo de análise, investigación e intervención ou proxección pública en termos colaborativos. Mencionouse xa a vinculación dos seus membros con diferentes grupos de investigación e departamentos universitarios e cun centro público de investigación, co que isto presupón sobre conxunción de proxectos e toda clase de iniciativas. Alén desa adscrición de base hai algunhas outras plataformas e redes coas que o Grupo mantén de orixeredeiras relacións de coparticipación e intereses conxuntos. No fundamental trátase da rede internacional Poetics of Resistance e do Centro de Investigacións sobre Escrituras e Procesos Emerxentes (CIEPE, en proceso de constitución formal).

A primeira intégrana investigadores de varios países europeos e americanos. O seu comité coordinador está integrado por William Rowe (Birkbeck College, University of London), Ben Bollig (University of Leeds), Cornelia Gräbner (Lancaster University) e Arturo Casas (Universidade de Santiago de Compostela). A rede celebrou até agora dous simposios internacionais, un en Leeds e outro en Santiago de Compostela. Para 2010 está prevista a celebración dun terceiro simposio, probabelmente en Londres.

O CIEPE é (será, cando culmine o proceso administrativo que a universidade esixe para a concreción desta clase de plataformas) un centro propio da Universidade de Santiago de Compostela. Os artigos 1 e 3 dos seus Estatutos delimitan natureza e obxectivos do seguinte xeito:

— O Centro de Investigacións sobre Escrituras e Procesos Emerxentes (CIEPE) constitúese como centro propio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) dedicado ao estudo científico dos fenómenos de emerxencia literaria, ou en xeral artístico-literaria, e dos procesos culturais e disciplinares emerxentes. A prioridade do CIEPE será a emerxencia literaria e cultural no mundo actual, malia o cal non se exclúen investigacións referidas a etapas históricas anteriores.

— O CIEPE márcase como obxectivos fundamentais os seguintes:

a) Promover o estudo científico das novas prácticas, repertorios, formas, usos e suxeitos literarios, artísticos e culturais.

b) Impulsar a investigación sobre manifestacións literarias, artísticas e culturais procedentes de marcos territoriais e culturais aos que tradicionalmente se adxudica unha visibilidade, unha representatividade ou unha lexitimidade insuficientes, e, neste sentido, ser centro de referencia na USC para a canalización de propostas relacionadas co estudo da emerxencia cultural e para o fomento das relacións académicas e de investigación con outros centros dedicados a obxectivos converxentes cos aquí detallados.

c) Analizar fenómenos vinculados coa hibridación cultural, así como en xeral os relativos a procesos de colonización, inmigración, diáspora, exilio e outras circunstancias históricas e políticas determinantes de dinámicas de interacción cultural en situación de desigualdade.

d) Investigar núcleos de problemas adoito desatendidos na programación das titulacións universitarias tradicionalmente vinculadas ao espazo académico das Humanidades e das Ciencias Sociais. Entre outros, os seguintes: identidade cultural, etnicidade, poscolonialidade, cultura de masas, emerxencia e canonicidade, exclusión cultural e subalternidade, oralidade, posxenericidade e posliteratura, cibercultura, a cultura dos novos medios, literacidade e criticidade, comparatismo cultural, escrituras non lineais, escrituras transversais (entre literatura, cinema, televisión, banda deseñada, performance…), ideoloxía e espazos culturais, imaxinarios sociais, estudos visuais ou novas prácticas teatrais.

e) Abrir horizontes na investigación interdisciplinar dos fenómenos e procesos emerxentes, incorporando puntos de vista antropolóxicos, psicolóxicos, de xénero, xeoculturais, sociolóxicos, estéticos, mediáticos, políticos, económicos, tecnolóxicos ou xurídicos, entre outros.

f) Habilitar un espazo de reflexión teórica, heurística e metodolóxica correlativo á delimitación dos obxectivos anteriores.

g) Explorar vías de aplicación e integración curricular dos obxectos de estudo detallados e do seu mellor rendemento didáctico e divulgativo, con atención aos ámbitos universitario e do ensino secundario.

h) Informar e prestar asesoramento científico a institucións públicas ou privadas, así como a persoas físicas ou xurídicas, sobre aspectos relacionados coa emerxencia artístico-literaria e cos procesos de emerxencia cultural, tanto nunha dimensión planificadora xeral coma no relativo á organización de mostras, publicacións, exposicións, festivais e outros eventos artísticos e culturais.

i) Desenvolver e programar actividades docentes de posgrao e de formación continua no marco académico da USC.

k) Promover a organización de debates, seminarios, simposios, congresos e reunións científicas relacionadas coa natureza e funcións do centro.

l) Impulsar publicacións científicas en diverso formato vinculadas cos ámbitos de especialización do Centro.

m) Crear un fondo documental específico de carácter bibliográfico, hemerográfico e audiovisual que acolla os materiais de traballo e a produción investigadora propia. O Centro facultará o acceso telemático a ese fondo a través da súa páxina web.

No CIEPE, coordinado até o momento por Arturo Casas, participan como instancias promotoras oito grupos de investigación da USC: Grupo Compostela de Estudos sobre Imaxinarios Sociais (GI-1162),  Rede de investigadores en demografía, historia económica e migracións (GI-1172), Teoría da literatura e Literatura comparada (GI-1371), Antropoloxía socio-cultural (GI-1428), Estudos dos sistemas culturais galego, luso, brasileiro e africanos de lingua portuguesa (GI-1811), Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Lecturas textuais e visuais (GI-1839), Cuestións identitarias na literatura en lingua inglesa (GI-1924) e Linguaxe, retórica e ideoloxía (GI-1944). Unhas das primeiras actividades que o CIEPE organizará, máis ben a plataforma de grupos mencionada, é o curso de verán Repensarmos Europa á luz da diferenza. Procesos emerxentes e enclaves culturais, que terá lugar entre os días 8 e 10 de xullo na Faculdade de Filosofía da USC e cuxa conferencia inaugural correrá a cargo de Itamar Even-Zohar (profesor emérito na Universidade de Tel Aviv). As directoras do curso son Raquel Bello e María do Cebreiro Rábade. A súa secretaria, María Xesús Nogueira.

O GAAP promove así mesmo proxectos de investigación, que concorren a convocatorias públicas nos marcos autonómico e estatal, e convenios con institucións e entidades públicas e privadas, de todo o cal se irá informando debidamente.

Posted in colaboracións, proxectos específicos, redes | Leave a Comment »